
Se tes saudade bota unha ollada aos vídeos da nosa lista de reprodución
Retallos do Xabarín Club
O Xabarín Club é un programa infantil e xuvenil da televisión de Galiza. Dentro del son emitidas series e filmes de animación, programas infantís e espazos de produción propia. Unha das cousas máis resaltábeis do clube é A cantar con Xabarín, unha serie de videoclips de música galega e lusófona que deu pé a diversas Xabaxiras. As cancións foron recompiladas en varios CD que regalan aos socios do clube en distintos concursos, xunto con camisetas, chapas e outro merchandising.
Comezou a emisión no 18 de abril de 1994 na TVG, e desde entón até hoxe leva sendo emitido case sen interrupcións. Ao longo destes anos pasaron por el moitas das mellores series de animación, como Dragon Ball, Shin Chan, o Dr. Slump ou One Piece. Nos primeiros anos teimaban en chegar aos 100.000 socios do clube, cifra que chegaron a superar amplamente.
O Xabarín é o presentador e protagonista do clube. Foi deseñado por Miguelanxo Prado e co tempo foi sufrindo varios redeseños que actualizaron a imaxe orixinal do porco bravo. A voz do Xabarín é Juanillo Esteban, autor do retrouso "Hai alguén aí?" que tanto foi repetido dentro e fóra da televisión. Deu o salto á grande pantalla co filme Os Vixilantes do Camiño, longametraxe dedicada ao Camiño de Santiago. Tamén foi protagonista da serie do mesmo nome, que foi emitida no clube en varias ocasións.
Actualmente o programa é emitido na tvG2, o segundo canal da TVG. Podes velo entre semana ás horas do almorzo, do xantar e da merenda e nas fins de semana durante a mañá. Se queres facerte socio, descubre aquí como afiliarte ao Xabarín Club.
Ligazóns